Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2021.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a aprobación do proxecto construtivo dunha senda peonil na estrada autonómica AC-404, entre A Ponte e Santa Catalina, no concello de Santa Comba.
A Xunta destinará a esta actuación de mellora da seguridade viaria un investimento que rolda os 155.000 euros. Esta actuación é susceptible de financiamento con fondos europeos FEDER React-EU.
O obxectivo é habilitar un itinerario peonil pola marxe dereita desta estrada de titularidade autonómica, entre os puntos quilométricos 1+880 e 2+330, que terá continuidade nos dous sentidos coas beirarrúas xa existentes, antes e despois, do tramo obxecto da actuación.
O DOG tamén publica hoxe a resolución da aprobación definitiva do expediente de información pública deste proxecto. No seguinte enlace pódese ampliar a información relativa a esta resolución: https://bit.ly/34AujZH .
A intervención deseñada polo departamento que dirixe Ethel Vázquez céntrase na construción dunha senda peonil, dunha lonxitude de 450 metros e 1,8 metros de ancho, separada da estrada por un bordo e unha gabia de seguridade de 1,20 metros.
As obras proxectadas inclúen a instalación de 12,5 metros de barreira metálica sobre o muro de coieira previsto no punto quilométrico 2+210, de 8,5 metros de lonxitude, para non afectar o rego das Dornas e acadar unha mellor integración na contorna. Tamén se prevé a reposición de sinais verticais ao longo do treito.