A Xunta aproba o proxecto da nova pasarela peonil na Estrada PO-244 na contorna do colexio Santiago Apóstol, en Soutomaior, que suporá un investimento de preto de 460.000 €

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2023

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de aprobar o proxecto construtivo para executar a nova pasarela peonil na  estrada autonómica PO-244, situada nunha zona moi próxima ao colexio Santiago Apóstol, no concello de Soutomaior. A Xunta destinará ao acondicionamento deste itinerario peonil da PO-244 un investimento de 458.674 euros.

 

Reporase a pasarela de madeira situada na marxe dereita desta estrada, no tramo comprendido entres os puntos quilométricos 12+300 e 12+480. Actuarase no tramo destinado á circulación peonil, formado por unha pasarela de madeira sobre pilotes do mesmo material, fincados no terraplén.

 

O departamento de Infraestruturas prevé licitar as obras a finais deste mes de marzo, cun prazo de execución de 6 meses.

 

A intervención prevista permitirá executar unha nova pasarela en plástico reciclado, cunha anchura de paso libre de 2 metros, nos que se incluirán os correspondentes elementos de protección lateral, que disporán dunha altura de 1,10 metros.

 

Na actualidade, nesta pasarela da estrada PO-244 o conxunto de madeira atópase bastante deteriorado, polo que se considera necesaria a substitución, de maneira que garanta a circulación dos peóns de xeito seguro.

 

A nova pasarela realizarase en plástico reciclado, material que ofrece unha alta resistencia á humidade e á intemperie, non se astilla nin sofre degradación, permitindo un mantemento máis sinxelo e é de fácil instalación.

 

Máis en detalle, segundo o proxecto aprobado polo departamento de Infraestruturas da Xunta, para realizar a instalación da nova pasarela procederase inicialmente ao fincado de pilotes sobre o terraplén existente.

 

Os pilotes da nova pasarela, que serán de plástico reciclado, terán unha lonxitude máxima de 6 metros e de 200 mm diámetro. En sentido lonxitudinal os soportes colocaranse cunha separación máxima de 2,50 metros. Ademais, será necesario, para a correcta ancoraxe dos mesmos ao terreo, garantir unha profundidade mínima de fincado de cando menos 1,6 metros e 1/3 da lonxitude total do pilote.

 

Para a finca dos pilotes traballarase desde a plataforma da estrada anexa á zona de actuación, a PO-244. Durante os traballos tratarase de minimizar a afección aos usuarios desta vía.

 

Unha vez fincados os pilotes que servirán de apoio, colocarase a estrutura da pasarela. Tras a disposición da pasarela instalaranse os elementos laterais de protección, cunha varanda superior de pezas de sección cadrada, ancorada en postes de perfil de sección cadrada de e de 1,25 m de altura.

 

Ao final do tramo de pasarela hai actualmente unha zona con varanda de protección lateral de madeira, que será retirada, e instalarase o mesmo sistema de protección lateral que na pasarela, de modo que se unifiquen os elementos da zona.