Santiago de Compostela, 8 de xaneiro de 2022.- A Xunta vén de aprobar o proxecto de renovación do firme na autovía AG-56, que une Santiago e Brión, e na variante das Galanas, que suporá un investimento de máis de 5,8 millóns de euros.
Esta rehabilitación do firme comezará na primavera e o orzamento necesario será asumido pola concesionaria no marco do seu contrato.
Estes traballos prevense en toda a lonxitude da infraestrutura viaria. Así, efectuarase o fresado da capa de rodaxe actual e a reposición dunha nova capa que non será a definitiva, senón unha intermedia.
Tras a disposición desta capa, realizarase unha avaliación estrutural das zonas que sigan presentando fisuras e neses puntos acometeranse rehabilitacións estruturais profundas do firme.
No tronco da AG-56 e da citada variante, tamén se procederá ao estendido dunha nova capa de rodaxe, incluíndo o tramo desde a rotonda de Pardiñas, con especial incidencia do tráfico pesado nese punto.
A nova capa de rodadura no tronco da autovía e da variante terá características drenantes similares á actual.
Ademais realizarase a reposición da sinalización horizontal en todo o treito obxecto das obras.
A planificación dos traballos prevé minimizar no posible as afeccións ao tráfico, con diferentes medidas en función do punto no que se estea a traballar en cada momento, e que serán comunicadas coa debida antelación.