A Xunta avanza na actualización do proxecto para a construción dunha parada intermodal en Vilagarcía de Arousa

Santiago de Compostela, 9 de febreiro de 2026

A directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, reuniuse hoxe co alcalde de Vilagarcía de Arousa, Alberto Varela, para abordar os avances no proxecto de construción dunha parada intermodal neste concello. Segundo se acordou, o Goberno galego actualizará o proxecto construtivo que xa estaba previsto, que incluirá a reurbanización da contorna. Así mesmo, estudarase o peche da estación actual e os posibles usos futuros.

A  iniciativa enmárcase na previsión da Xunta de revisar e adecuar as estacións de autobuses que están en funcionamento en Galicia, con especial atención ao impulso da intermodalidade. O obxectivo é favorecer o uso do transporte público, ao ampliar as alternativas de viaxe. Deste xeito, o Goberno galego mantén o seu compromiso de mellorar as condicións para a mobilidade da cidadanía, optimizando a oferta de servizos de transporte regular de persoas viaxeiras por estrada.

Vilagarcía de Arousa está conectada co resto de municipios do Salnés a través de 22 liñas de transporte interurbano das 67 que prestan servizo no municipio. O pasado ano viaxaron no transporte público autonómico en Vilagarcía de Arousa máis de 675.000 persoas usuarias, un 15% máis que en 2024. Sinalar tamén que este concello conta con 1.557 beneficiarios da tarxeta Xente Nova e 1.086 da tarifa +65, medidas coas que menores de 21 anos e maiores de 65 dispoñen de ata 60 viaxes de balde ao mes.