A Xunta avanza no estudo para a mellora da estrada OU-533 en Valdeorras, que financiará con fondos propios ante o rexeitamento do goberno de investir na mobilidade do rural

Santiago de Compostela 16 de setembro de 2022.- A Xunta avanza no estudo para a redacción do proxecto de mellora da estrada OU-533 na comarca de Valdeorras, que financiará con fondos propios da Comunidade Autónoma ante o rexeitamento do Goberno de investir na mobilidade do rural.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, interveu hoxe na Comisión 2ª do Parlamento, onde detallou que se están a identificar as actuacións a realizar para proceder á redacción do proxecto.

 

Lamentou a falta de resposta do Goberno ante as solicitudes reiteradas da Xunta para o financiamento, a través dos Fondos Next Generation, do acondicionamento da estrada OU-533, que une a comarca de Valdeorras coa estación ferroviaria ‘Porta de Galicia’ da Gudiña.

 

Criticou a perda desta oportunidade para contribuír a reforzar as comunicacións no rural, en consonancia co criterio do Goberno de concentrar o desenvolvemento de infraestruturas ao servizo de áreas máis poboadas.

 

Fronte a este rexeitamento de colaboración por parte do Executivo central, o Goberno galego está a traballar na definición de varias actuacións para mellorar a funcionalidade da citada estrada.

 

O director detallou que se están a valorar obras como a Variante da N-525 e da OU-533 na Gudiña, e a mellora dos enlaces da A-52. Sinalou que hai un problema de estrangulamento, por ancho, gálibo e paso por treito urbano, na Gudiña, que debería solucionar a Administración do Estado, pero que está a estudar a Xunta para ofrecer unha alternativa.

 

Tamén citou o acondicionamento da OU-533 entre A Gudiña e Viana do Bolo, o treito que precisa dunha actuación de maior calado, tanto para aumentar a lonxitude de terceiros carrís de adiantamento como para rectificar o trazado e suavizar as curvas.

 

Apuntou a unha Variante de Viana do Bolo, pois o paso por este núcleo é complicado para o tráfico rodado normal e máis para os transportes especiais.

 

Ademais concretou a necesidade do acondicionamento da OU-533 entre Viana do Bolo e A Rúa, coa rectificación de curvas e terceiros carrís.

 
Mellora do firme na OU-533

Por outra parte, Francisco Menéndez avanzou o comezo dos traballos de reforzo de firme na estrada OU-533, entre os puntos quilométricos 0,8 e 33, nos concellos da Gudiña, Viana do Bolo e O Bolo, que suporán un investimento de máis de 1,2 millóns de euros.

 

Estas actuacións complétanse co repintado completo da estrada OU-533, ademais doutras obras como a limpeza e o reperfilado de marxes ou a execución de cunetas de seguridade.

 

Lembrou que a Xunta xa executou nos últimos anos obras de mellora do firme en diferentes tramos desta estrada, sumando un orzamento de preto de 1 millón de euros.