Santiago de Compostela, 19 de marzo de 2022.- A Xunta de Galicia ultima os detalles do proxecto que permitirá habilitar unha senda peonil en Dorrón, no municipio de Sanxenxo, co obxectivo de promocionar a zona máis interior desta parroquia e poñer á disposición da veciñanza un novo itinerario ao carón do río para o seu uso e desfrute.
A tal fin técnicos do Goberno galego reuníronse nos últimos días co Concello para perfilar o documento definitivo no que se detallan os traballos a executar, así como o trazado completo da ruta co obxectivo de poder iniciar as obras este ano.
Trátase dunha senda que discorrerá maioritariamente ao carón do río Dorrón, entre unha paisaxe de bosque de ribeira na que predominan os ameneiros e freixos e que serve de hábitat para o merlo branco e a lavandeira. Neste sentido, cómpre subliñar a implicación veciñal no proxecto, que se traduciu en case 280 cesións de terreos particulares para que se puideran incorporar á futura senda.
Con esta actuación da Xunta, que financiará a obra a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, búscase potenciar os recursos paisaxísticos e o patrimonio natural que concentra esta parroquia interior de Sanxenxo. Neste sentido, a habilitación da nova senda de Dorrón permitirá por unha banda poñer á disposición dos veciños un novo itinerario fluvial nun enclave natural de gran riqueza ambiental e pola outra, atraer a máis visitantes ao municipio.