A Xunta cede ao concello da Estrada un inmoble para o traslado da unidade de atención temperá, á que asisten máis de 40 nenos e nenas

A Estrada (Pontevedra), 11 de abril do 2026

A Xunta de Galicia vén de ceder ao Concello da Estrada un inmoble para o traslado da unidade de Atención Temperá municipal, á que asisten máis de 40 nenos e nenas. Así o anunciou esta tarde a conselleira de Política Social e Igualdade, Fabiola García, que visitou as instalacións acompañada do alcalde do concello, Gonzalo Louzao.

Na súa intervención, a conselleira destacou que a Xunta destina cada ano máis de 85.000 euros a impulsar a atención temperá neste concello, un servizo que desde 2019 está a disposición das familias para ofrecer asesoramento, acompañamento e atención aos nenos e nenas de ata 6 anos con problemas de desenvolvemento.  Ademais, fixo fincapé en que estas unidades son fundamentais “para axudar ás nais e pais a resolver todas as dúbidas, incertezas e medos que se lle presentan ante a sospeita de que o seu fillo poida sufrir un problema destas características”.

Durante a visita ao inmoble, que foi cedido pola Xunta de xeito gratuíto, Fabiola García felicitou ao Concello da Estrada e ao seu alcalde por “apostar polo desenvolvemento dos nenos e nenas e por apoiar ás familias”, favorecendo, segundo asegurou, “a mellora da calidade de vida dos veciños e veciñas”.

Por último, a conselleira de Política Social e Igualdade destacou o firme compromiso da Xunta de Galicia co servizo de atención temperá, unha aposta que permitiu incrementar as unidades, pasando das dúas que había no 2009 ata as máis de 50 que hai actualmente. Ademais, Fabiola García lembrou que o Goberno galego ten previsto impulsar durante esta lexislatura as unidades de atención postemperá, destinadas a seguir reforzando a atención dos nenos e nenas con problemas de desenvolvemento ata os 12 anos.