Santiago de Compostela, 30 de maio de 2023 A Xunta comezou as obras da 2ª fase de acondicionamento da estrada AC-862, entre O Campo do Hospital e A Ponte Mera, cuxas obras foron licitadas por 6,8 millóns de euros.
O obxectivo da intervención é o acondicionamento da AC-862 entre San Sadurniño e Ortigueira, dando continuidade ás obras da 1ª fase, executadas nun treito de case 18 km entre San Sadurniño e O Campo do Hospital, que supuxeron un investimento da Xunta de 7,2 millóns de euros.
As actuacións seguirán similar liña ás executadas no primeiro treito, coa rectificación de curvas con radio reducido, a execución de cunetas de seguridade e a dotación de carrís lentos nos treitos en pendente que faciliten os adiantamentos.
Tamén se prevé a rectificación puntual de 13 curvas de radio reducido, a rehabilitación do firme, a realización de cunetas de seguridade a modo de sobreancho practicable e a mellora xeral da vía coa ampliación da plataforma, dotando de carrís lentos treitos en pendente que permitan adiantamentos.