A Xunta vén de comezar as obras de construción dunha nova senda peonil na estrada LU-617, en Toiriz, no concello de Pantón, que suporán un investimento de preto de 330.000 euros.
Esta intervención de mellora da mobilidade e da seguridade viaria conta cun prazo de execución de 6 meses.
O obxectivo das obras iniciadas é habilitar unha nova senda de 530 metros a ambos os lados da LU-617, ao seu paso polo núcleo de Toiriz. O novo itinerario terá un ancho mínimo de 1,8 metros, salvo nalgunha zona puntual con vivendas, garantindo a accesibilidade.
Con esta actuación completarase o itinerario existente nesta vía da Xunta, dotando a parroquia dun itinerario peonil continuo de 850 metros de lonxitude.
Para executar o novo itinerario comézase pola demolición, primeiro, das cunetas, soleiras existentes e demais pavimentos. Despois disporase o novo itinerario en saburra artificial e formigón bituminoso.
Ademais construiranse 2 muros de contención con bloques de granito, que disporán de varandas de protección. Tamén se disporá balizamento e defensas.
A intervención completarase coa colocación de canal de desaugue e sumidoiros, conectados a unha nova canalización para garantir a correcta recollida das augas pluviais.