A Xunta comeza as obras de execución dunha senda na estrada OU-300 ao paso polo concello da Bola

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2023 A Xunta vén de comezar as obras de execución dunha nova senda na estrada autonómica OU-300, ao paso polo concello ourensán da Bola.

 

Esta intervención, cun investimento autonómico de arredor de 40.000 euros, está a desenvolverse a partir do punto quilométrico 12+350 da estrada. O itinerario desenvolverase ao longo de preto de 380 metros pola marxe esquerda da vía e terá un ancho de 2 metros.

 

O obxectivo desta actuación é facilitar os desprazamentos a pé dos veciños da contorna dun xeito máis seguro, sostible e saudable.

 

A nova senda daralle continuidade ao itinerario xa acometido pola Xunta no ano 2019, acadando agora o núcleo de Fruíme.

 

Cómpre lembrar que a senda xa en servizo, que supuxo un investimento de 48.000 euros por parte do Goberno galego, comunica os lugares de Murzás, A Badía e o cruce Aldea Ferreiro, no concello da Bola.

 

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, mediante este tipo de actuacións, busca dotar os concellos de itinerarios seguros, sostibles e saudables para favorecer a mobilidade a pé dos cidadáns.