Santiago de Compostela, 12 de xullo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de mellora do firme na estrada AC-400 en Sigrás, no concello de Cambre.
Esta actuación forma parte do contrato de acondicionamento da capa de rodaxe previsto en 3 estradas autonómicas na área da Coruña, cun investimento de máis de 2,6 millóns de euros.
O obxectivo é rehabilitar o firme en varios treitos das estradas autonómicas AC-231, AC-400 e AC-552, que discorren polos concellos de Curtis, Sobrado, Aranga, Cambre, Culleredo, Cerceda, A Coruña, Arteixo, A Laracha e Carballo.
Os traballos comezaron pola estrada AC-400, na intersección coa N-550 en Sigrás, en Cambre; e continuarán cara a Cerceda, pasando por Culleredo.
As intervencións, cun prazo de execución de 6 meses, consisten en realizar fresados localizados nos treitos de actuación e na reposición con mestura bituminosa en quente, segundo as necesidades concretas das vías obxecto destas intervencións.
Os traballos completaranse co pintado da sinalización horizontal dos treitos de actuación de todas as estradas e os treitos de barreira de seguridade que sexa preciso.