Santiago de Compostela, 16 de xullo de 2023 A Xunta comezará esta semana novos traballos de limpeza nas marxes da autovía Ferrol-Vilalba (AG-64), ao paso por San Sadurniño, e na estrada LU-160, en Mondoñedo e Alfoz.
Tamén continuarán os traballos de roza e limpeza que se veñen realizando nas últimas semanas, como os que se están a acometer na marxes da estrada autonómica OU-801, que comunica os concellos de Padrenda e de Ribadavia.
Ademais, na provincia de Pontevedra, proseguirán as intervencións en execución nas marxes da autovía AG-51, no concello de Salvaterra de Miño; e na VG-4.6, que comunica os municipios de Cangas e Bueu.
Control de biomasaEstas tarefas forman parte do novo contrato da Xunta coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que supón un investimento de preto de 3 millóns de euros para os dous vindeiros anos.
Os obxectivos dos traballos son o roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, así como o acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas, ou a reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas.
O Goberno galego, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.