Santiago de Compostela, 16 de agosto de 2025
A Xunta iniciará a vindeira semana as obras da senda peonil na estrada OU-212 no núcleo de Lebozán, situado no concello de Beariz, co fin de reforzar a seguridade viaria nesta contorna.
Os traballos céntranse na execución da senda peonil que dará continuidade ás beirarrúas existentes e facilitarán a mobilidade peonil entre as vivendas de Busto e o núcleo de Lebozán.
A senda contará con 2 metros de ancho e bordo de formigón, e estará situada na marxe dereita do punto quilométrico 2+060 e 2+250.
Para realizar estes traballos é necesario o corte dun carril da estrada durante a execución da senda. Co obxectivo de minimizar as afeccións do tráfico e contribuír ao correcto fluxo da vía circularase polo outro carril alternativo.
A obra complétase coa execución dunha banda de beiravía de 50 cm a partir da liña branca actual. Ademais incluirá as canalizacións de servizos de telecomunicacións, electricidade e iluminación; así como o a disposición de sumidoiros.
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas continúa traballando na mellora da mobilidade en Beariz, facilitando uns desprazamentos seguros e eficientes.