A Xunta completa a rehabilitación do firme da estrada LU-113, que sumou un investimento de 5,5 M€

Cospeito (Lugo), 17 de setembro de 2025

A Xunta de Galicia culmina esta semana a rehabilitación do firme en todo o trazado da estrada autonómica LU-113 ao finalizar os traballos no último tramo que quedaba pendente, 12,6 quilómetros entre Xustás (Cospeito) e Moncelos (Abadín).

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado das obras e explicou que só resta o repintado dalgunhas marcas viarias que se acometen estes días. Subliñou que a Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas leva investidos máis de 5,5 millóns de euros nas últimas catro anualidades para completar o acondicionamento da vía, dos que 1,5 millóns corresponden á intervención actual.

Arias destacou que a LU-113, con algo máis de 30 quilómetros, é unha das principais conexións da provincia coa cornixa cantábrica, enlazando a estrada N-640 en Rozas (Castro de Rei) coa autovía A-8 en Abadín. Procedeuse á reparación do firme, aplicación dunha nova capa de rodadura e renovación da sinalización en toda a súa extensión.

“A Xunta -afirmou o delegado- inviste na conservación das estradas da súa titularidade para ofrecer aos usuarios as mellores condicións de confort e seguridade”. Ao respecto, engadiu que este ano destínanse 68 millóns de euros a este fin.