Santiago de Compostela, 24 de agosto de 2025
A Xunta completa a nova senda peonil e ciclista entre a estación intermodal de Santiago de Compostela e San Caetano, coa posta en servizo do paso inferior baixo a SC-20 e coas novas ramplas accesibles.
Con estas intervencións, a senda conta agora cunha nova alternativa de baixada máis directa, que é a través das avenidas Rodríguez de Viguri e de Lugo, polo carril de servizo, ata o paso inferior, polo que poden baixar as bicicletas e conectar co itinerario.
Este percorrido ten unha lonxitude de 3,3 km e supuxo un investimento autonómico de 2,4 millóns de euros.
Trátase dunha senda que comunica a intermodal con San Caetano conectando varios espazos de interese da cidade como as Brañas do Sar, o barrio de Fontiñas, centros formativos e deportivos ou áreas comerciais. Cabe sinalar que este traxecto pode realizarse en bicicleta en tan só 12 minutos.
O itinerario forma parte do Eixo de Mobilidade Sostible de Santiago que, unha vez que estea rematado unirá O Milladoiro, a intermodal, San Caetano e o Complexo Hospitalario Universitario. Este percorrido vertebrará a cidade e suporá case 10,5 km de sendas peonís e ciclistas e suporá un investimento de máis de 11M€, que a Xunta cofinancia con fondos europeos Next Generation.