Santiago de Compostela, 2 de novembro de 2024
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas continuará a vindeira semana os traballos de limpeza e roza nun total de once estradas autonómicas das catro provincias.
As actuacións na provincia da Coruña proseguirán nas autovías AG-64, nos concellos de Narón e de San Sadurniño, e na AG-59, en Teo.
Tamén se continuarán na provincia de Lugo os traballos de roza e limpeza no tramo da vía de altas prestación CG-2.3, no seu percorrido polos municipios de Viveiro e Xove, e na LU-615, no Saviñao.
Ademais, na provincia de Ourense continuará as tarefas de limpeza nas marxes da estrada OU-402 en Castrelo de Miño; e proseguirán as tarefas de acondicionamento nas zonas verdes en sendas peonís e glorietas das estradas OU-536 e OU-537, no Pereiro de Aguiar e en San Cibrao.
No caso das actuación na provincia de Pontevedra, proseguirán as intervencións nas comarca do Morrazo, na autovía AG-4.6, e na vía de altas prestacións, CG-4.1, nos municipios de Moaña e Cangas. Ademais tamén seguirán as actuacións na PO-226, en Moraña; e na PO-801, en Crecente.
Todas as actuacións que se están a acometer nas vías de titularidade autonómica consisten no roce de vexetación na zona de dominio público das estradas autonómicas, na reposición ou reparación de elementos de valado perimetral das estradas ou no acondicionamento de zonas verdes en sendas peonís e glorietas.
A Xunta, con este programa, segue a intensificar as súas accións para previr o risco de lumes e contribuír ao reforzo da seguridade viaria mediante o aumento da visibilidade e as accións para facilitar o tránsito de peóns e ciclistas.
Estas intervencións do departamento que dirixe María Martínez Allegue están enmarcadas no novo contrato coa empresa pública Seaga para o control da biomasa das marxes das estradas autonómicas, que conta, tralo recente incremento de 1 M€; cun investimento total de 4 M€ para os dous próximos anos.