A Xunta convoca ao concello da Coruña a unha reunión para que clarifique o seu posicionamento sobre a senda litoral entre Oza e Santa Cristina

A Coruña, 16 de decembro de 2022.- A Xunta vén de convocar ao Concello da Coruña a unha nova reunión para que clarifique o seu posicionamento sobre a senda litoral entre Oza e Santa Cristina, ante a falta de resposta por escrito confirmando a súa postura.

 

Así o avanzou hoxe a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, na Coruña, onde participou no acto de entrega de premios e diplomas ás promocións da Escola Técnica Superior de Enxeñería de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña.

 

Vázquez Mourelle incidiu en que este proxecto da senda peonil, coa pasarela de Santa Cristina, é unha actuación con potencial de transformación dos hábitos de mobilidade.

 

Remarcou que a iniciativa, que defende a Xunta e a Fundación Enxeñería Civil de Galicia, asociada á Universidade da Coruña, conta con todos os avais ambientais e técnicos que acreditan a súa viabilidade e a súa funcionalidade.

 

Lembrou que a Xunta remitiu hai un mes ao Concello toda a documentación e as explicacións sobre esa iniciativa, sen ter, a día de hoxe, resposta por escrito da administración local sobre o seu posicionamento.

 
 

Ante esta situación, a Xunta convocou esta mañá ao Concello a unha nova reunión o vindeiro mércores para que concrete e confirme a súa postura.

 

Con esta intervención como exemplo, Ethel Vázquez puxo en valor o labor dos enxeñeiros de Camiños, Canais e Portos ao contribuír a que o territorio gañe competitividade a través das infraestruturas e que os cidadáns vexan mellorada a súa calidade de vida.

 

Subliñou que os profesionais da enxeñería son os encargados de tecer unha rede de infraestruturas, traballar pola seguridade viaria, ordenar o territorio ou executar infraestruturas hidráulicas.

 

Salientou que á enxeñería tamén lle corresponde a dotación de equipamentos públicos máis humanos e funcionais, como o Espazo Amizar que hai un ano se habilitou na Coruña.

 

Ademais sinalou a construción das infraestruturas da sanidade pública do futuro, como o caso do gran Hospital Público que a Xunta construirá na Coruña, o Novo CHUAC.