Santiago de Compostela, 14 de febreiro de 2026
A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, a través da Axencia Galega de Infraestruturas, publicou esta semana no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para este mes de febreiro e o vindeiro mes de abril dos actos expropiatorios para levar a cabo o proxecto de trazado e estudo de impacto ambiental da conversión en autovía do treito Nadela-A Pobra de San Xiao, ao seu paso polos concellos de Lugo, O Corgo e O Páramo, que suporá un investimento de 37,4M€.
Os actos para o levantamento das actas previas á ocupación están convocados para o día 24 de febreiro no salón de actos do Centro Uxío Novoneyra (rúa Quiroga Ballesteros, s/n) no concello de Lugo, das 10.00 ás 12.34 horas; e os días 25 e 26 de febreiro no Centro Sociocultural do Corgo (Estrada Nacional VI, 53) das 10.00 ás 13.20 horas na primeira data, e das 10.00 ás 11.20 horas na segunda. Tamén o día 26 de febreiro realizase a convocatoria na Casa do Concello do Páramo, as 13.00 ás 13.20 horas.
A formalización das actas de ocupación levaranse nas mesmas localizacións, o día 21 de abril no municipio de Lugo, os días 22 e 23 de abril no concello do Corgo, e xa tamén, o 23 de abril, no municipio do Páramo.
Trátase da conversión en autovía do último treito do corredor Nadela-Sarria (CG-2.2) para completar o desdobramento. Cómpre lembrar que a primeira fase dos traballos de desdobramento do corredor en autovía —un total de 9,7 quilómetros entre A Pobra de San Xiao e Sarria— se abriu ao tráfico en novembro do ano 2022, tras investir 25 M€.
O proxecto
Neste caso, o treito terá unha lonxitude de 13,5 quilómetros, e iniciase na glorieta de Nadela e finaliza no enlace da Pobra de San Xiao, xa en servizo, posibilitando concluír a autovía que conectará a capital lucense con Sarria.
A nova calzada proxéctase paralela a existente sobre a marxe esquerda CG-2.2, en sentido Lugo. A orixe do trazado localizase na glorieta de Nadela de titularidade estatal, a que tamén conectan as autovías A-6 e A-54, e as estradas N-VI, LU-11 e LU-546.
Entre as intervencións singulares proxectadas ao longo do trazado definido, destacan os enlace do Corgo (no punto quilométrico. 5+200) e de Maceda (quilómetro 10+500), xa preparados para a sección de autovía, e un cruce de vía baixo a autovía A-54 (quilómetro 0+300).
O trazado inclúe a execución de dous viadutos paralelos aos existentes (o do río Chamoso e o do Neira), a ampliación de 13 pasos superiores existentes e a prolongación de 7 pasos inferiores.
Tamén se prevén 11 obras de drenaxe transversal, a execución de dous muros de contención con noiro de desmonte no primeiro quilómetro do trazado, e os correspondentes axustes para o correcto enlace entre o treito finalizado e o novo.