Santiago de Compostela, 19 de maio de 2025
A Xunta publicou hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria para os vindeiros meses de xuño e de setembro dos actos expropiatorios para a mellora de accesibilidade e conectividade de 62 paraxes de autobús situadas nas rutas de acceso polo suroeste á cidade de Santiago.
Esta actuación, á que se destinarán máis de 1 M€, enmárcase no Plan de infraestruturas da Xunta para unha mobilidade segura, verde e intelixente. Inclúen intervención en 10 municipios da provincia e en tres estradas autonómicas.
Así, estes proxectos comprenden actuacións nas estradas AC-543, AC-550 e AC-305, ao seu paso polos municipios de Noia, A Pobra do Caramiñal, Boiro, Carnota, Dodro, Muros, Outes, Porto do Son, Rianxo e Ribeira.
En total os actos expropiatorios afectan a un total de 29 predios necesarios para executar esta intervención. A superficie de expropiación definitiva é de 360,32 m2.
En concreto, o DOG recolle o anuncio polo que se convocan os actos para o levantamento de actas previas á ocupación o día 9 de xuño no salón de plenos do Concello de Carnota, ás 10 horas; e no salón de plenos do Concello de Muros, das 11.00 ás 11.30 horas. O día 11 de xuño terá lugar na sala de xuntas do Concello de Porto do Son, das 10.00 ás 10.30 horas; e no salón de plenos do Concello de Noia, ás 11.45 horas. Ademais, o día 12 de xuño terá lugar na praza de abastos de Ribeira, 1º andar, ás 10.00 horas; no salón de plenos do Concello da Pobra do Caramiñal, ás 11.00 horas; e no salón de plenos do Concello de Rianxo, ás 12.00 horas.
Posteriormente, o acto de formalización das actas de ocupación levaranse a cabo o día 15 de setembro no salón de plenos do Concello de Carnota, ás 10 horas; e no salón de plenos do Concello de Muros, das 11.00 ás 11.15 horas. Ao día seguinte, o 16, terá lugar na sala de xuntas do Concello de Porto do Son, das 10.00 ás 10.15 horas; e no salón de plenos do Concello de Noia, ás 11.30 horas. Ademais, o día 17 de setembro terá lugar na praza de abastos de Ribeira, 1º andar, ás 10.00 horas; no salón de plenos do Concello da Pobra do Caramiñal, ás 11.00 horas; e no salón de plenos do Concello de Rianxo, ás 12.00 horas.
As actuacións
Con este proxecto trátase de actuar na mellora da accesibilidade das paraxes no municipio de Noia, en 6 paraxes, na Pobra do Caramiñal en 3; en Boiro, en 6; en Carnota, en 5; en Dodro, en 2; en Muros, en 11; en Outes, en 4; en Porto do Son, en 11; en Rianxo, en 3; e en Ribeira, en 11.
As actuacións consistirán, entre outras, na mellora dos apartadoiros para os autobuses e as súas cuñas de entrada e saída, así como no acondicionamento dos itinerarios peonís na contorna da paraxe.
O proxecto abrangue a colocación de refuxios deseñados pola Dirección Xeral de Mobilidade, dependente da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, maioritariamente de tipo urbano, agás casos puntuais que serán de tipo rural, en función do lugar onde se encontre a paraxe, mellorando o equipamento, con postes, bancos ou apoio isquiático.
Como obras complementarias adecuarase a drenaxe ao trazado actual, instalarase unha canalización para servizos a todo o largo da actuación, executaranse muros de colleira, dispoñeranse varandas metálicas.
Con estas melloras preténdese fomentar o uso do transporte público, diminuíndo os movementos de corto e medio percorrido en transporte privado, con orixe e/ou destino nas cidades de maior poboación.
As actuacións contan co cofinanciamento de fondos europeos FEDER 21/27.
O Goberno galego segue a avanzar nestes proxectos no marco do Plan de mellora da seguridade e accesibilidade das paraxes de autobús nas estradas autonómicas, co que a Xunta ten previsto investir arredor de 35 M€ para a mellora de máis de 1.100 paraxes en toda Galicia.