Santiago de Compostela, 22 de xullo de 2022
A Xunta publicou no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para agosto e outubro, dos actos expropiatorios para as obras de mellora e acondicionamento da estrada LU-710, desde a intersección da N-VI ata o enlace coa A-6, en Baralla.
Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar os días 23, 24 e 25 de agosto entre as 8:45 horas e as 14:15 horas, no caso dos dous primeiros días, e ata as 13:00 horas no último, no salón de plenos do Concello de Baralla.
A formalización das actas de ocupación levarase a cabo os días 19 e o 20 de outubro, das 8:30 ás 14:30 horas o primeiro día, e das 8:30 ás 13:30 horas o segundo. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://cutt.ly/cL3C8Wc
A intervención ten como obxectivo incrementar a seguridade viaria na contorna, para o que se propón o ensanche e mellora desa estrada autonómica entre a N-VI e a A-6, nunha lonxitude de preto de 4,5 quilómetros. As obras suporán un investimento autonómico de máis de 2,6 M€ e terán un prazo de execución de 18 meses.
As intervencións na vía autonómica LU-710 consistirán na execución dunha plataforma ampliada a 7 metros de sección, sen incluír as cunetas, cun carril por sentido de 3 metros cada un e beiravías de 0,5 metros.
Mellorase puntualmente o trazado con variantes en alzado e en planta para aumentar a visibilidade e a perceptividade en tramos concretos da estrada, o que incrementará a seguridade viaria.
Tamén se prevé a remodelación da intersección coa N-VI, cunha solución que canaliza, cun carril central de espera e cuñas de cambio de velocidade, os dous xiros á esquerda que actualmente se realizan de forma directa.
Os traballos inclúen, ademais, a rehabilitación do firme e a implantación de paradas de bus; e un acceso desde a estrada LU-710, solicitada no proxecto inicial.
A intervención realízase baixo un criterio de respecto co medio, porque discorre por unha zona con gran valor ambiental e paisaxístico, a ribeira do río Neira, e cunha orografía moi accidentada.
Cómpre lembrar que a Xunta remitiu unha proposta de financiamento desta actuación ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana no marco do programa Next Generation, pero foi rexeitada.
A Xunta asume o impulso da intervención, mantendo a súa aposta continua pola vertebración territorial e o reforzo da competitividade da provincia de Lugo a través do desenvolvemento de novas infraestruturas viarias.