A Xunta convoca para marzo e maio os propietarios dos terreos necesarios para executar as sendas nas estradas PO-302 e PO-306 en Vilanova de Arousa

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia a resolución da convocatoria, para marzo e maio, dos propietarios dos terreos necesarios para poder executar as novas sendas nas estradas autonómicas PO-302 e PO-306, no concello de Vilanova de Arousa.

 

Esta nova intervención suporá un investimento da Xunta de case 1,3 M€ e permitirá habilitar un itinerario de uso peonil continuo na marxe dereita destas dúas estradas de titularidade autonómica, na contorna do núcleo urbano deste municipio arousán. Os traballos teñen un prazo de execución de 8 meses.

 

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar os días 8 e 9 de marzo, entre as 09:00 e as 14:00 horas, naCasa da Cultura de Corón-Caleiro, en Vilanova de Arousa. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo no mesmo lugar e idéntico horario os días 3 e 4 de maio. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse toda a información: https://acortar.link/FZSrmM .

 

A intervención proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta céntrase na execución dun itinerario dunha lonxitude de 1.100 metros na estrada PO-302 e unha senda de 270 metros na estrada PO-306, discorrendo entre os puntos quilométricos 0 e 1+100 no caso da primeira, e entre o quilómetro 0 e o 0+270 na segunda.

 

O itinerario contará cunha anchura mínima de 2,20 metros e estará separado da estrada por medio dun bordo de formigón e dun separador vexetal nas zonas onde se proxecten aparcadoiros en batería.

 

Nesta intervención incluirase, tamén, a demolición das beirarrúas existentes e a execución dunhas novas cun pavimento enlousado de granito en todo o tramo da estrada PO‐302, que transcorre polo medio do núcleo urbano de Vilanova de Arousa.

 

Ademais, executaranse os tramos que faltan na actualidade da rede de pluviais, saneamento e abastecemento na estrada PO302; e unha rede de pluviais na PO306. Renovarase o alumeado na PO302, concretamente substituíndo as luminarias existentes que se atopan deterioradas por unhas acordes á contorna do ámbito de actuación.

 

Esta intervención do Goberno galego engádese ás xa rematadas no marco do Plan de Sendas na bisbarra do Salnés, que supuxeron un investimento de máis de 12 M€ para acadar máis de 21 km lineais de itinerarios peonís.

Na actualidade a Xunta tamén ten en marcha a execución das obras de construción dunha senda e de reparación de beirarrúas na PO-549 entre os concellos de Vilanova e de Vilagarcía de Arousa, cun investimento de 1 M€ para poñer á disposición dos veciños un novo itinerario de 1,6 quilómetros que lle dean continuidade ás sendas executadas nesa mesma estrada.