Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2022.- A Xunta publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a convocatoria, para os vindeiros meses de outubro e decembro, dos actos expropiatorios necesarios para a execución das obras dun treito de senda peonil e ciclista na estrada autonómica AC-552, entre Pastoriza e Vilarrodís, no concello de Arteixo.
Esta intervención de mellora da seguridade viaria e de promoción da mobilidade sustentable suporá un investimento autonómico de máis de 150.000 euros, tendo en conta o pagamento dos terreos necesarios para a execución da actuación. Os traballos teñen un prazo de execución de 3 meses.
Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar o 11 de outubro, ás 10:30 horas na Casa do Concello de Arteixo. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo o 15 de decembro, no mesmo lugar e á mesma hora. No seguinte enlace ao DOG pode consultarse a información: https://acortar.link/t19M4e .
A intervención posibilitará a circulación a pé nun punto da AC-552 que ten unha configuración complexa. Para iso proxéctase a execución dun itinerario peonil continuo, o reforzo do firme da vía e outras actuacións de reforzo da seguridade viaria.
Máis en concreto, actuarase no treito desta vía autonómica situado entre os puntos quilométricos 5+280 e 5+410, que coincide cunha intersección, reformulando a propia intersección para maior seguridade viaria e habilitando o espazo para o encaixe da senda.
Esta intervención da Xunta forma parte dunha actuación máis ampla de mellora da mobilidade peonil entre Pastoriza e Vilarrodís. En sentido Arteixo hai un camiño paralelo á estrada, que a día de hoxe xa poden percorrer os peóns; e en sentido Pastoriza dotarase dunha beiravía protexida con balizas, que será obxecto dunha actuación posterior de mellora.
Segundo o proxecto deseñado polo departamento de Infraestruturas, a intervención comeza na travesía da Maceira, desde o punto quilométrico 5+280 ata o 5+330, onde se prevé executar unha senda de formigón de 2 metros de ancho, que irá separada do carril de vehículos mediante bordo. Para contar co espazo necesario para a senda, a vía actual ampliarase cara ao noiro existente na marxe dereita da AC-552, grazas a un novo muro de mampostería.
A segunda intervención céntrase no camiño existente no punto quilométrico 5+330 ata o 5+370, dando continuidade á sección anterior sobre un camiño actual de terra.
A terceira actuación ocúpase do tramo da vía autonómica que vai do punto quilométrico 5+370 ata o 5+410, continuando co itinerario peonil proxectado. Este treito disporá dun ancho mínimo de 2 metros, que se ampliará ata os 3,5 metros para enlazar co itinerario proxectado cara a Pastoriza.
Tamén está prevista a execución dun carril de aceleración desde o punto quilométrico 5+370, para a correcta incorporación á estrada AC-552, separado da senda peonil mediante unha barreira de formigón.
O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue traballando na dotación de sendas nas estradas autonómicas para favorecer os desprazamentos dos cidadáns a pé ou en bicicleta dun xeito máis cómodo e seguro co fin de fomentar a mobilidade sustentable.