Santiago de Compostela, 8 de decembro de 2025
A Xunta de Galicia acaba de dar luz verde ambiental condicionado ao proxecto para implantar un campamento de turismo no lugar de Bouzas da parroquia de Couso, no concello da Estrada, concretamente, nunha parcela cunha superficie total de máis de 6.100 m2.
Segundo se conclúe no informe de impacto ambiental (IIA) emitido pola Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático, non son previsibles efectos adversos significativos derivados do proxecto, sempre que se cumpra cos condicionantes fixados tanto no documento ambiental como nos informes analizados, así como no programa de vixilancia ambiental deseñado.
Neste sentido, o informe foi elaborado no marco do procedemento de avaliación de impacto ambiental simplificada desta iniciativa empresarial, un trámite no que a documentación presentada polo promotor foi sometida a participación pública, sen que se recibise ningún escrito ou alegación ao respecto, ao tempo que foron consultados un total de nove organismos interesados.
Froito desas consultas, cada unha das entidades realizaron a súa valoración e fixaron condicionantes que se engaden aos incluídos no programa de vixilancia ambiental que recolle a resolución da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade.
Neste sentido, esas avaliacións consideran que o proxecto non vai ter impactos significativos nos distintos eidos analizados e que sería viable a súa posta en marcha sempre que se cumpra con certos condicionantes establecidos nos seus respectivos informes con relación a aspectos tales como a protección da atmosfera, poboación e saúde, das augas e leitos fluviais, do solo e as infraestruturas, da xestión de residuos, da integración paisaxística e restauración, así como do patrimonio natural e cultural.
Unha vez emitido o IIA, que non exime ao promotor da obriga de obter todas as autorizacións, licenzas, permisos ou informes que resulten legalmente exixibles para poder desenvolver o proxecto, remitirase a resolución ao órgano substantivo -a Axencia de Turismo de Galicia- e daráselle publicidade ao seu contido a través do correspondente anuncio no Diario Oficial de Galicia, así como da súa posta á disposición a través da páxina web da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático.
Características do proxecto
Promovida por Casiñas da Ponte, SL, a instalación localizarase nunha parcela de máis de 6.100 metros cadrados e consistirá nun complexo formado por cinco cabanas de madeira (38.88 m2), unha zona reservada para tendas de campaña e outra cabana de maiores dimensións (113,17 m2) que conterá a recepción, almacén e zonas de usos comúns e servizos. A área de cabanas terá unha ocupación máxima de 25 persoas, mentres que na de acampada será de 12 persoas.
O espazo disporá dunha pendente que permita a cada unha das cabanas situarse nun nivel distinto, creando unha diferenza de cota total de 3 metros. Na súa parte máis baixa situarase o acceso principal, a zona de aparcamento de vehículos e a cabana dedicada a recepción e usos comúns.