A Xunta defende o avance da senda peonil e ciclista entre o Milladoiro e a Estación Intermodal de Santiago cun trazado adaptado e de consenso

Santiago de Compostela.- 12 de marzo de 2026

A Xunta defendeu esta tarde no Parlamento de Galicia o avance da senda peonil e ciclista entre o Milladoiro e a estación intermodal de Santiago, cun trazado adaptado para lograr o máximo consenso e que se executará por fases, atendendo ás alegacións do Concello de Santiago e para favorecer o acordo institucional.

A directora da Axencia Galega de Infraestruturas, María Deza, fixo fincapé no estado actual desta intervención, cuxas obras progresan e conta con varios treitos xa rematados, no marco dun eixo máis amplo para conectar o Milladoiro, o Complexo Hospitalario Universitario (CHUS) e a intermodal e San Caetano.

De feito, tal e como explicou María Deza, no marco da execución das obras entre O Milladoiro e a estación intermodal, este mañá levouse a cabo a instalación dunha pasarela de madeira de 32 metros e 22 toneladas no punto quilométrico 1+390, operación que requiriu hoxe un corte temporal dos ramais de conexión da AG-56 coa SC-20 e coa AP-9, que xa están novamente abertos á circulación desde primeiras horas desta tarde, en torno ás 16,00 horas.

Na súa intervención na Comisión 2ª,  a responsable autonómica subliñou así que a Xunta continuará executando a actuación conforme ao trazado modificado e definitivamente aprobado polo Consello da Xunta en febreiro deste ano, tras recibir todos os informes positivos. Este acordo foi publicado no Diario Oficial de Galicia este pasado día 3 de marzo polo que, tal e como incidiu a directora da AXI, daráselle continuidade a este itinerario que se rematará conforme ao trazado modificado.

Execución por fases para favorecer o consenso

María Deza repasou todo traballo para acadar o acordo no eixe amplo que conectará O Milladoiro, o CHUS, a intermodal e San Caetano, lembrando que o proxecto contou cos informes favorables das administracións implicadas e cumpre coa legalidade. Fixo este repaso comezando polo primeiro proceso de información pública e a aprobación definitiva deste eixo, o 23 de marzo de 2023, así como a súa posterior modificación, ata chegar ao momento actual.

 A responsable autonómica enmarcou esta actuación na aposta do Executivo autonómico pola mobilidade sostible e segura, modelo que se leva anos impulsando desde a Xunta, como demostra a execución de case 300 quilómetros de sendas peonís e ciclistas nas marxes das estradas autonómicas, aos que se sumarán outros 120 quilómetros incluídos no Plan de sendas de Galicia, cun investimento global que supera os 200M€.