Santiago de Compostela, 27 de xuño de 2022 A Xunta anula o proxecto sometido a información pública de senda na estrada OU-402, en Reza, para que se poida reiniciar o procedemento co fin de dar resposta ás necesidades de mobilidade dos veciños da zona de forma consensuada.
Neste sentido, o DOG publica hoxe a resolución pola que se anula o expediente de información pública do proxecto de construción da citada senda, para avanzar cara á redacción dun novo proxecto, minimizando as afeccións ás propiedades. Esta información pódese ampliar neste enlace: http://xurl.es/nuzfx
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén mantendo unha liña continua de diálogo cos representantes veciñais para acadar unha solución consensuada que permita reiniciar a tramitación deste itinerario. A nova proposta de senda está a ser deseñada para diminuír as afeccións aos peches das vivendas.
O obxectivo da actuación é reforzar a seguridade viaria e favorecer os desprazamentos a pé dos veciños, dispoñendo beirarrúas onde hoxe non as hai, novas zonas de aparcadoiro e paradas de autobús que faciliten a mobilidade.
Trátase de actuar nun tramo de case 2,7 quilómetros de lonxitude na OU-402 que carece de beirarrúas, polo que os peóns circulan actualmente polas beiravías da estrada. Así, proxéctase unha senda pola marxe dereita da vía, entre os puntos quilométricos 1+090-3+780 da OU-402.
Tamén se prevén a execución de zonas de aparcadoiro ao longo do seu trazado e paradas de autobús cos seus refuxios correspondentes, tanto na marxe dereita como na esquerda da estrada.