Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2022.- A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade publica hoxe no Diario Oficial de Galicia (DOG) a composición do tribunal para o desenvolvementos das probas de aptitude profesional (CAP) para o exercicio de condutor de transporte de mercadorías e de viaxeiros por estrada.
A resolución de nomeamento do tribunal para obter o certificado do CAP, integrado por cinco membros da Dirección Xeral de Mobilidade, inclúe a convocatoria das probas para este ano 2022. No seguinte enlace ao DOG de hoxe pode consultarse a información: https://bit.ly/3tryocp .
A Xunta realizará ao longo do ano 2022 un total de 6 convocatorias para a obtención do CAP, aproximadamente unha cada dous meses. A data e hora de realización dos exercicios serán acordados polo tribunal dentro do calendario publicado no DOG do pasado día 9 de decembro, segundo se recolle no seguinte enlace: https://bit.ly/309Lhf7
O prazo de inscrición para a primeira convocatoria pechouse o pasado día 7 de xaneiro, correspondendo ao tribunal a fixación da hora e data dos exercicios desta e seguintes convocatoria das probas, que se realizarán en Santiago de Compostela. A mesma será publicada na web da dirección xeral de Mobilidade cunha antelación mínima de dez días hábiles á celebración do primeiro exercicio: https://bit.ly/3DFaJa7
Na mesma páxina web e na resolución definitiva de persoas admitidas e excluídas publicaranse as instrucións que deben cumprir as persoas aspirantes en relación coa crise sanitaria da Covid-19.
A proba
As persoas admitidas nas convocatorias para obter o certificado de aptitude profesional serán convocadas para cada exercicio nun único chamamento, debendo presentarse á realización das probas provistas de DNI o documento acreditativo da súa identidade.
O tempo para a realización do exame será de 2 horas, valorándose con 1 punto as respostas correctas, e as erroneamente contestadas penalizaranse con 0,5 puntos negativos. Para aprobar o exame será necesario obter unha puntuación non inferior á metade do total de puntos posibles.
A Directiva 2003/59/CE do Parlamento Europeo e do Consello, do 15 de xullo de 2003, establece esta nova formación obrigatoria para determinados condutores profesionais.
A convocatoria destas probas correspóndelle á Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través da Dirección Xeral de Mobilidade.
O certificado de aptitude profesional acreditará que o condutor superou os cursos e os exames esixidos e será expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada.
Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.