A Estrada (Pontevedra), 13 de marzo de 2026
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, participou esta tarde na inauguración da 14ª Feira de oportunidades do comercio e 72ª Feira de antigüidades da Estrada, apoiada pola Xunta. No acto —que tamén contou coa presenza do alcalde, Gonzalo Louzao— púxose en valor o medio cento de expositores de distintos sectores que se poderán visitar no recinto feiral da localidade durante toda a fin de semana.
O director xeral puxo de relevo o importante papel que xogan estas feiras na dinamización e pulo ao comercio local. Nese senso, recordou que se vén de pechar o prazo de solicitude das axudas deste ano para centros comerciais abertos, dotadas con 2,5 M€, co gallo de seguir promovendo accións deste tipo.
Nesa liña, Alén fixo fincapé en que —no marco do Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030— estas achegas están dirixidas a apoiar a realización de actividades de dinamización comercial que teñan como obxectivo incentivar o consumo e atraer clientes, co fin de incrementar as vendas. Así, a convocatoria de 2026 afonda na simplificación administrativa e introduce novos criterios de valoración enfocándose na formación dos comerciantes, na fidelización da clientela e na capacidade de atraer novos establecementos asociados. Tamén novas actuacións subvencionables, como os servizos de ludoteca e espazos de lecer infantís.