A Xunta destina máis de 760.000 € ás actuacións de protección contra a contaminación acústica na estrada LU-862 ao paso polo Concello de Viveiro

Viveiro (Lugo), 18 de maio de 2026

A Xunta destina máis de 760.000€ ás actuacións de protección contra a contaminación acústica na estrada LU-862 ao paso polo concello de Viveiro, en Lugo. A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, xunto ao delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, deu a coñecer hoxe esta actuación, que se enmarca no Plan de Acción contra a Contaminación Acústica que leva a cabo o Goberno galego e que se cofinanciará con fondos europeos FEDER.

En concreto, os traballos que acaba de licitar a Xunta desenvolveranse en dous treitos da citada estrada autonómica ao paso polo núcleo urbano, que suman 1,5 quilómetros. O primeiro tramo arranca no punto quilométrico 83+650 e conta con 1,3km, mentres que o segundo no 86+170 é de 230 metros. 

Deste xeito, abordarase unha mellora funcional, urbana e ambiental para acadar unha estrada máis silenciosa, ordenada e segura, co obxectivo de reducir as emisións e mellorar as condicións da estrada e a súa integración nesta zona urbana. 

As actuacións inclúen a renovación do pavimento, a reorganización da calzada e ordenación de aparcadoiros, así como a creación dunha glorieta. Así mesmo, reducirase a velocidade a 40km/h para calmar o tráfico e mellorarase a sinalización. As empresas poderán presentar ofertas para este contrato ata o vindeiro 8 de xuño e os traballos terán un prazo de execución de 12 meses.

A conselleira puxo en valor esta actuación para seguir avanzando en estradas máis seguras e sostibles, “co selo Galicia calidade”, un compromiso da Xunta para executar intervencións destinadas especificamente a reducir o ruído ambiental procedente do tráfico, e con iso mellorar a calidade de vida da veciñanza, a través do Plan de Acción contra a Contaminación Acústica.