O encontro en Escarabote celébrase hoxe, de 11 a 13:30 horas, no primeiro andar do Centro Social do citado núcleo; e en Coroso, terá lugar mañá, na Escola Náutico Pesqueira de Ribeira, no mesmo horario.
O obxectivo destes encontros é fomentar a participación dos veciños para abordar a mellora da seguridade e a humanización da estrada e considerar as achegas cidadás.
Nestas reunións, os asistentes poderán coñecer os resultados do estudo realizado sobre esta estrada autonómica, así como as propostas de mellora da AC-305 en Escarabote e Coroso.
As intervencións contarán coa presenza de representantes da Fundación RIA, da Asociación de Veciños Fontenova, ou de axentes locais.
Os veciños poderán aportar as súas reflexións e suxestións sobre a vía nas reunións. No caso non poder asistir, poderán trasladar as súas inquedanzas a través dunha enquisa online dispoñible no seguinte enlace: https://cutt.ly/vwfsrbdL
Cómpre lembrar que a Xunta está a colaborar coa Fundación RIA no proxecto de humanización da estrada AC-305, no seu percorrido polos concellos de Ribeira, A Pobra do Caramiñal, Boiro e Rianxo.
Neste sentido, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade aprobou en maio o proxecto para humanizar a travesía de Palmeira, no concello e Ribeira, que prevé un investimento de preto de 2,8 M€.
Trátase de transformar este treito nunha rúa, adaptándoo aos diferentes contextos que atravesa, integrándoo e recuperando o seu carácter humano.
No marco desta iniciativa, continúa o traballo de elaboración de propostas de intervención para reforzar a seguridade e recuperar a identidade urbana en 5 tramos prioritarios nesta estrada, nos núcleos de Taragoña, Boiro, Escarabote, A Pobra do Caramiñal e Coroso.