Santiago de Compostela, 11 de decembro de 2025
A conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez, e o alcalde da Estrada, David Louzao, avaliaron hoxe o proxecto municipal para ampliar a estación depuradora de augas residuais (EDAR) de Aguións.
Segundo lle trasladou o alcalde á conselleira nunha reunión celebrada esta tarde, esta actuación é necesaria porque a instalación ve superada a súa capacidade de depuración polo aumento dos efluentes que recibe. Ao respecto, Ángeles Vázquez indicou que o persoal de Augas de Galicia avaliará o proxecto para, a continuación, establecer vías de colaboración e financiamento para acometelo.
Esta cooperación enmárcase no apoio técnico e económico que a Xunta vén prestando aos concellos para que poidan exercer as súas competencias de saneamento e abastecemento de xeito máis eficiente e prestar uns servizos de calidade á veciñanza.
De feito, o apoio de Augas de Galicia para garantir a prestación dos servizos hidráulicos municipais traducirase nos orzamentos do próximo ano en 12,6 millóns de euros repartidos entre distintas liñas de axudas (un 70% máis que a partida reservada este ano) dirixidas principalmente ás entidades locais pero tamén nalgún caso a particulares, comunidades de usuarios de traídas veciñais e asociacións.
Durante a reunión, o alcalde tamén informou á conselleira do seu interese por mellorar o servizo de recollida de residuos municipal. Nese senso, a conselleira animouno a solicitar as axudas que proximamente convocará a Xunta de Galicia para apoiar ás administracións locais no exercicio das súas competencias nesta materia.
Así, a conselleira explicou que na próxima convocatoria das liñas de axudas da Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Sostibilidade se inclúen proxectos subvencionables que encaixan coas propostas trasladadas hoxe polo rexedor.
Máis polo miúdo, o concello podería optar á liña de financiamento, que se convocará o vindeiro ano por primeira vez, para a adquisición de vehículos para recollida exclusiva de biorresiduos con distintivo ambiental ECO ou Cero Emisións, co que se optimizaría o traslado dos refugallos á planta de transferencia.
A maiores, outra das liñas de axudas ten como obxectivo financiar os equipamentos para a creación de puntos limpos móbiles, que podería dar solución ás necesidades do concello de mellorar este servizo nas áreas rurais do municipio.
Por último, o alcalde tamén aproveitou a reunión para abordar outros asuntos de interese para o concello relacionados con ámbitos que son competencia da Consellería como a posta en valor do patrimonio natural municipal. En concreto, avaliaron unha actuación na área recreativa do Couto de Couso, que será analizada polos técnicos da Dirección Xeral de Patrimonio Natural cando o concello remita o correspondente proxecto.