Brión (A Coruña), 21 de xaneiro de 2023.- A Xunta e o Concello de Brión colaboran na mellora da AC-543 para eliminar un punto de concentración de accidentes e converter a estrada nunha rúa, cun investimento de 605.000 euros.
A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou hoxe co alcalde de Brión, Pablo Lago, o convenio de cooperación para mellorar a seguridade viaria nesta contorna.
As obras suporán un investimento conxunto de 605.000 €, dos cales o 70% serán achegados pola Xunta, é dicir, preto de 424.000 euros. O Concello, pola súa banda, completará o investimento restante e será o encargado de contratar e executar as obras.
A administración local, de forma previa ao inicio dos traballos, comprométese a asumir a titularidade do treito, a excepción da calzada e beiravía das glorietas da AC-543 nos puntos de conexión con outras vías autonómicas, que seguirán sendo de titularidade da Xunta.
Os traballos céntranse nun tramo de 1,5 km identificado como treito de concentración de accidentes, polo que Xunta e o Concello se coordinarán para adoptar as medidas de calmado de tráfico necesarias e darlle unha funcionalidade adaptada ao dunha rúa municipal, en lugar dunha estrada.
Cómpre lembrar que a estrada AC-543 atende agora unha mobilidade de carácter local, tras a apertura da autovía Santiago-Brión, a AG-56, e a súa continuación ata Noia como vía de altas prestacións.
Neste sentido, a intervención obxecto do acordo asinado hoxe ten como fin conseguir que a estrada AC-543 ao seu paso por Brión se converta nunha rúa, nunha vía máis humana ao servizo dos núcleos de poboación polos que pasa e con especial atención aos usuarios vulnerables.
Para iso, as actuacións centraranse na ampliación e renovación das beirarrúas, sendo preciso para iso estreitar a propia calzada; na reposición da capa de rodaxe en ambos os dous carrís, beiravías e bandas de estacionamento; e na renovación da sinalización.
Na execución destas actuacións, e para non solapar nin duplicar traballo, o Concello deberá ter en conta as obras de mellora da accesibilidade e conexións das paradas de autobuses que está a impulsar a Xunta nas estradas da súa titularidade. A actuación programada pola Xunta prevé mellorar seis paradas de autobús que están situadas neste treito da estrada AC-543: en ambas as marxes no lugar do Tremo, na gasolineira do Tremo e no empalme de Liñares.
O Executivo autonómico vén traballando no reforzo de seguridade viaria nesta estrada ao paso por Brión, tendo executado tamén en outono a rehabilitación do firme na rotonda do quilómetro 9+300, cun orzamento de 50.000 €.