Santiago de Compostela, 29 de xuño de 2023 Técnicos de Xestur Galicia e do Concello de Coristanco mantiveron unha reunión de traballo para avanzar no proxecto do parque empresarial de Coristanco, co obxectivo de coordinar as actuacións da empresa pública e do Goberno local neste sentido.
Cómpre subliñar que Xestur traballa no Plan estruturante de ordenación de solo empresarial (PEOSE) do futuro polígono, instrumento que, precisamente, acaba de superar o trámite de avaliación ambiental estratéxica ante a Xunta, polo que poderá seguir coa súa tramitación tras concluírse que non se agardan efectos adversos significativos para o medio ambiente.
Pola súa banda, o concello está planificando a construción dunha nova estación depuradora de augas residuais (EDAR) e traballa na conexión exterior da rede eléctrica do parque empresarial.
O polígono proxectado en Coristanco é un novo ámbito previsto no Plan sectorial de áreas empresariais de Galicia e localizado no enlace entre as estradas AC-552 e AG-55, na parroquia de Oca Prevese que teña unha superficie total de máis de 173.000 metros cadrados, dividida en dúas fases de preto de 61.000 m2, a primeira e de máis de 112.000 m2, a segunda.