A Estrada (Pontevedra), 10 de setembro de 2023 A conselleira de Política Social e Xuventude, Fabiola García, visitou hoxe a residencia de maiores pública autonómica da Estrada onde lle fixo entrega dun Certificado de Calidade, que permite validar o seu funcionamento en base a normas e estándares internacionais. Este centro convértese así nun dos tres primeiros en recibir este distintivo xunto coa residencia de Porta do Camiño, en Santiago, e a das Gándaras, en Lugo.
A conselleira lembrou que a residencia da Estrada foi unha das elixidas para comezar a implantar o novo modelo de residencias do Goberno galego. No ano 2021, instalouse neste centro un programa piloto de residencias dixitais para aproveitar as vantaxes da tecnoloxía na atención a maiores. Un sistema que permite un fluxo de datos máis inmediato e eficiente e contar con sensores de movemento para alertar de posibles caídas en usuarios.
Fabiola García sinalou que a Xunta segue a avanzar na implantación deste novo modelo nos centros galegos. En concreto, avanzouse na creación dun censo de residentes único en España, o Cenres; nos vindeiros meses comezarase a estender o programa de habitacións intelixentes ao resto de residencias da rede pública autonómica; e tamén se poñerán en marcha os dous primeiros centros de coidados intermedios públicos de España.
Obras no exterior do centroO Goberno galego tamén ten previstas obras de mellora neste centro residencial por un importe dun millón de euros. En concreto, renovarase a fachada exterior e buscarase dotar ao centro de maior accesibilidade, confort e funcionalidade.