Santiago de Compostela, 7 de xuño de 2022 A Xunta iniciou esta mañá as obras de rehabilitación do firme na estrada autonómica LU-141, no núcleo de Rinlo, no concello de Ribadeo.
Esta actuación, que conta cun investimento de máis de 36.000 euros, está a desenvolverse mediante medios propios de conservación de estradas da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e está previsto que se remate hoxe mesmo.
As obras céntranse nun ámbito de actuación de 456 metros de lonxitude entre os puntos quilométricos 0+760 e 1+216, ao seu paso polo núcleo de Rinlo.
As obras consisten na rehabilitación de firme con aglomerado en todo o tramo. Así mesmo, procederase á sinalización horizontal de toda a estrada, entre os puntos 0 e 1+216.
Durante a execución destas obras, no día de hoxe, permanecerán habilitados carrís alternativos de circulación coa correspondente sinalización provisional de desvíos, cando sexa necesario, ante posibles interrupcións do tráfico.
A Xunta continúa traballando na mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionarlles aos cidadáns unhas estradas cómodas e seguras.