A Xunta executa as obras de mellora do firme na estrada PO-305 ao seu paso polo concello de Vilagarcía de Arousa

Santiago de Compostela, 20 de novembro de 2023

A Xunta está a executar as obras de mellora do firme na estrada PO-305 ao seu paso polo concello de Vilagarcía de Arousa.

Esta intervención, que se vén de iniciar cun investimento autonómico de preto de 43.000 euros, céntrase nas reparacións estruturais e superficiais do pavimento da PO-305, no tramo de algo máis de 1,3 quilómetros situado entre os quilómetros 4+530 e 5+850 da vía autonómica. 

O estado de conservación do firme deste tramo da estrada é, a nivel xeral, adecuado, pero en tramos localizados, principalmente na Travesía do Vento, entre os puntos quilométricos 4+750-4+820, obsérvanse fisuras no pavimento debido, principalmente, ás condicións climáticas e ao elevado tránsito de vehículos pesados.

Nalgúns puntos concretos obsérvase esgotamento estrutural do pavimento, a consecuencia, entre outras cousas, da acción erosiva da auga ao infiltrarse na sección do firme.

Os traballos que se están a executar teñen como obxectivo optimizar as condicións de circulación e prolongar a vida útil do pavimento.

En concreto, as obras consisten no fresado superficial de 5 cm da capa de rodadura con ancho a todo o carril; e tamén no fresado profundo de 10 cm de espesor na capa de rodadura e na intermedia, cun ancho mínimo de 1,5 metros naquelas zonas máis deterioradas.

Ademais, tamén se realizará no marco destes traballos a reposición da capa intermedia nun espesor de 5 cm, e reposición da capa de rodadura a todo o carril cun espesor tamén de 5 cm, previo estendido dunha rega de adherencia.

Ao longo do resto do tramo realizaranse fresados localizados superficiais de 5 cm de espesor cun ancho mínimo de 1,5 metros para a posterior reposición da capa de rodadura.

As obras completaranse co repintado de todas as marcas viarias no tramo de actuación.

A Xunta continúa traballando na conservación e mellora da rede viaria autonómica co fin de proporcionar aos cidadáns unhas estradas seguras e eficientes.