Santiago de Compostela, 25 de abril de 2022 A Xunta comezou as obras de execución dunha nova senda peonil na estrada autonómica PO-235, ao seu paso polo concello da Lama.
As obras foron adxudicadas á empresa Construcciones Enrique C Casas S.L. por máis de 48.000 euros.
O obxectivo das intervencións é mellorar o tránsito peonil, para o que se está a habilitar un itinerario na marxe esquerda da estrada PO-235, entre os puntos quilométricos 12+820 e 13+510, un treito que actualmente non conta con zona de circulación a pé independente do tráfico rodado.
A intervención prevé dúas solucións construtivas diferenciadas para a execución desta senda de 690 metros de lonxitude.
Nas zonas da senda onde a beiravía se atope pavimentada aplicarase un tratamento superficial con slurry asfáltico coloreado, para diferenciar de xeito claro a zona de circulación peonil do resto da calzada. No resto das zonas, a senda executarase cun ancho de 1,8 metros, formada por unha capa de 16 centímetros de espesor de formigón cor terrizo, á mesma cota que a da calzada adxacente.
Para desenvolver o novo itinerario peonil é necesario a construción de dous pequenos tramos de muro de perpiaños, entres os puntos quilométricos 12+865 e PK 12+900, e entre os puntos quilométricos 12+995 e 13+015.
Ademais, en ambos os tramos, e debido á existencia dun desnivel significativo na marxe da senda, colocarase unha varanda de protección lateral de forma que se eviten as caídas a distinto nivel.
Cómpre destacar que a Xunta leva investidos 1,7 M€ no acondicionamento da PO-235, entre Antas, no punto quilométrico 11+870, e Seixido, no quilómetro 18+000. Estas actuacións acometéronse en dúas fases e están á disposición dos veciños desde o ano 2020.
Ademais, o Goberno galego está a tramitar o proxecto da terceira fase da actuación, para acondicionar o treito entre os puntos quilométricos 18+100 e 25+000.