A Xunta executará unha senda na estrada LU-612, ao seu paso por Mougán, no concello de Guntín

Santiago de Compostela, 2 de agosto de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por 45.581 euros as obras para a execución dunha nova senda na estrada LU-612, ao seu paso por Mougán, no concello de Guntín.

 

Esta actuación, adxudicada á empresa Isidro Hnos Blanco Trigo S.L., ten como obxectivo a mellora da seguridade viaria da estrada mediante a separación física do tráfico de vehículos e do tráfico peonil, dándolle continuidade ao itinerario para peóns xa existente.

 

A actuación desenvolverase en dúas fases. A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade prevé iniciar as obras da primeira delas nas vindeiras semanas.

 

Máis concretamente, na primeira fase executarase un novo itinerario ao longo de 175 metros e cun ancho de 1,8 metros na contorna da igrexa parroquial de Mougán.

 

Para iso, levarase a cabo a demolición do pavimento actual para proceder á pavimentación das beiravías con 25 centímetros de zahorra e 15 de formigón reforzado con mallazo. Tamén se colocará bordo prefabricado de formigón de 22x15 centímetros e bordo exterior de delimitación en toda a lonxitude da senda.

 

Antes da execución do pavimento, prevese a canalización da drenaxe e a execución de 5 pozos de rexistro con sumidoiro para a recollida de augas pluviais.

 

Ademais, prevese a canalización do alumeado público coas súas arquetas correspondentes.

 

O departamento que dirixe Ethel Vázquez segue a impulsar a construción de novas sendas co obxectivo de dotar os veciños de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro, sustentable e saudable.