A Xunta facilítalle o certificado de aptitude profesional ao alumnado do ciclo de condución de vehículos de transporte por estrada

Santiago de Compostela, 14 de decembro de 2025

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, e o conselleiro de Educación, Ciencia, Universidades e FP, Román Rodríguez, asinaron hoxe o acordo de colaboración para facilitarlle o Certificado de Aptitude Profesional (CAP) ao alumnado do ciclo de condución de vehículos de transporte por estrada. O obxectivo é que poidan desenvolver a fase de formación na empresa a través dunha certificación provisional que terá validez unicamente para o período formativo.

Deste xeito, garánteselle ao alumnado deste ciclo, que actualmente se oferta no IES Universidade Laboral de Ourense e no CIFP Valentín Paz Andrade de Vigo, completar a súa capacitación profesional para a condución de vehículos. Unha vez que o alumnado obteña o título, emitirase a certificación definitiva, segundo establece a normativa.

Cómpre lembrar que, con carácter xeral, para obter o CAP é preciso realizar un curso e superar unha proba, do que están exentas as persoas que obteñan o título de técnico en Condución de Vehículos de Transporte por Estrada que, non obstante, precisan do certificado provisional para a formación na empresa.

O acordo formalizado enmárcase na aposta da Xunta por facilitar a incorporación ao mercado laboral de novos profesionais do transporte. Nesta liña de acción o Goberno galego habilitou este ano por primeira vez unha liña de axudas dun millón de euros para subvencionar tanto a obtención do certificado de aptitude profesional acreditativo da cualificación inicial e na modalidade ampliación ou promoción, como dos permisos de condución das clases C e D.

Incrementar a profesionalización

O Certificado de Aptitude Profesional acredita que o condutor superou os cursos e os exames esixidos. É expedido polos órganos autonómicos competentes para o outorgamento de autorizacións habilitantes para a realización do transporte público discrecional de viaxeiros e mercadorías por estrada. Estes dispositivos reforzan as garantías de seguridade e transparencia e incrementan a profesionalización e a competitividade no sector do transporte.

Así, a Xunta realizará ao longo de 2026 nove convocatorias para a obtención do CAP. O prazo de inscrición para primeira delas está xa aberto ata o 24 de decembro deste ano. Os exames teñen como obxectivo acadar os certificados profesionais para a condución de distintas categorías de vehículos: camión (C), autobús (D) e remolque (E).