Santiago de Compostela, 11 de agosto de 2023 A Xunta vén de formalizar o contrato para executar as obras da nova senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña, na cidade de Ourense.
A actuación, adxudicada por máis de 3,5 millóns de euros á empresa Extraco, Construccións e Proxectos, S.A., comezará previsiblemente no último trimestre deste ano, co obxectivo de poder ter rematados os traballos a finais de 2024.
As obras céntranse no treito de senda entre Os Remedios e Expourense, o paseo do Barbaña e prevén a execución de 3,5 km de itinerario, dándolle continuidade onde se interrompe, entre a praza de abastos e A Molinera.
Na intervención melloraranse os pavimentos para a circulación a pé e en bici e os cruces, dando preferencia a estes usuarios e reforzando tamén a accesibilidade e as conexións coa contorna.
Executarase unha nova estrutura metálica para o paso peonil independente, dando solución á beirarrúa precintada na marxe dereita do estribo da Ponte Romana.
Ademais, para acadar unha mellor conexión entre a Ponte e a senda do Barbaña, habilitarase un paso para peóns e bicicletas na avenida Pardo de Cela.
Ao longo do percorrido mellorarase tamén o acceso ás Burgas, unindo de modo directo os paseos do Barbaña e Barbañica e actuando no acceso á zona deste pavillón Paco Paz e a Expourense.
A intervención forma parte do proxecto para a conformación dun itinerario que conectará Ourense de norte a sur a través de 5,1 km de sendas.
Cómpre lembrar que a Xunta, no marco deste itinerario, prevé comezar a finais de verán as obras do treito que irá desde a intermodal ata a Ponte Romana, pola avenida das Caldas, cun investimento total de 1,2 millóns de euros.
Estas actuacións enmárcase nos proxectos impulsados polo Goberno galego ao abeiro dos fondos Next Generation, co fin de fomentar a mobilidade sostible nas cidades galegas.