Guntín (Lugo), 11 de outubro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de construción dunha senda peonil na estrada LU-612 ao seu paso por Mougán, no concello de Guntín, ás que destina 45.581 euros.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe os traballos, que teñen por obxectivo mellorar a seguridade viaria mediante a separación física do tráfico de vehículos e do tráfico peonil, dándolle continuidade ao itinerario para peóns xa existente.
A actuación desenvolverase en dúas fases e nesta primeira vanse habilitar 175 metros de senda na contorna da igrexa parroquial de Mougán, cun ancho de 1,8 metros.
Para iso, levarase a cabo a demolición do pavimento actual para proceder á pavimentación das beiravías con 25 centímetros de zahorra e 15 de formigón reforzado con mallazo. Tamén se colocará bordo prefabricado de formigón de 22x15 centímetros e bordo exterior de delimitación en toda a lonxitude da senda.
Antes da execución do pavimento, prevese a canalización da drenaxe e a execución de 5 pozos de rexistro con sumidoiro para a recollida de augas pluviais. Tamén se prevé a canalización do alumeado público coas súas arquetas correspondentes.
Arias subliñou a importancia deste tipo de infraestruturas para promover unha mobilidade sustentable, dotando aos veciños e veciñas de itinerarios que lle permitan facer os seus desprazamentos cotiás de xeito máis cómodo, seguro e saudable.