A Xunta inicia esta semana novos traballos de roza e limpeza nas marxes de estradas autonómicas nas provincias de Lugo e de Ourense

Santiago de Compostela, 6 de febreiro 2022.- A Xunta prevé iniciar nesta semana os traballos de roza e limpeza nas marxes das estradas autonómicas LU-111, no municipio lucense de Rábade, e na OU-301, ao seu paso polos concellos ourensáns de Xinzo de Limia, Porqueira e Bande. En paralelo ao inicio destas novas actuacións nestas dúas vías, proseguirase coas tarefas que nas últimas semanas se están a realizar en distintas estradas das provincias da Coruña e de Pontevedra.

Na provincia de Lugo continuarase, tamén, cos traballos en execución na estrada LU-541, nos municipios de Vilaba e Rábade; coas tarefas que se están a desenvolver na LU-540, ao seu paso por Viveiro; e tamén cos traballos na vía de altas prestacións CG-2.1, en Monforte e en Chantada.

Ademais, no caso da provincia de Ourense proseguirase cos traballos na estrada OU-531, no seu percorrido polos municipios Vilar de Santos e Xinzo de Limia; na OU-540, na cidade de Ourense; e na OU-636, ao seu paso polo concellos da Pobra de Trives, Quiroga, Larouco e Petín.

Seguirase con novos traballos de tala nas vías autonómicas da provincia da Coruña AC-234 e AC-840, nos municipios de Arzúa e Melide, respectivamente.

Finalmente, proseguiranse as tarefas en execución na estrada PO-531 ao seu paso polos municipios de Vilanova de Arousa, Meis, Barro e Pontevedra.Estas actuacións contribúen á prevención dos lumes, ao eliminar especies pirófilas como o piñeiro, o eucalipto ou a acacia nas marxes das vías de titularidade da Xunta. Dáse así cumprimento á Lei 3/2007, de 9 de abril, de prevención e defensa contra os incendios forestais de Galicia, que recolle o obxectivo da rotura da continuidade horizontal e vertical da biomasa, de modo que as estradas actúen con efecto “cortalumes”.

O control da vexetación tamén supón a mellora da seguridade viaria. Os traballos realizados eliminan árbores que poderían caer á vía en caso de temporal e evitan que invadan as beiravías ou beirarrúas, facilitando o tránsito de peóns e ciclistas. Tamén serve para aumentar a visibilidade dos usuarios e consegue o efecto de afastar da vía animais como os xabarís.

Con estes traballos tamén se dá cumprimento ao acordo do Pleno do Parlamento de Galicia do 25 de setembro de 2019, polo que se insta ás administracións públicas a impulsar unha redución progresiva do uso de herbicidas nas marxes das estradas da súa titularidade.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade iniciou o pasado mes de xullo estes labores, tras renovar coa empresa pública Seaga o contrato para acometer tarefas de roza e limpeza nas estradas autonómicas para previr lumes e reforzar a seguridade viaria, cun investimento de preto de 1,5 millóns de euros.

Cada semana, unha media de 30 operarios e arredor de 15 máquinas traballan para levar a cabo estas tarefas de limpeza e control da vexetación nas marxes das estradas autonómicas.

O departamento que dirixe Ethel Vázquez intensificou nos últimos anos as accións de prevención de lumes nas marxes das estradas da súa competencia, engadindo aos medios de conservación ordinaria un reforzo con encomendas á empresa pública Seaga. Coa nova encomenda a Seaga, desde o ano 2018 a Xunta leva investidos 6,8 M€ nas actuacións de control da biomasa nas marxes das estradas da súa competencia.