Negreira (A Coruña), 20 de agosto de 2025
A Xunta está a iniciar esta semana a execución das obras de transformación da glorieta situada na estrada AC- 546, ao seu paso polo concello de Negreira, que permitirá a mellora da seguridade da viaria ao polígono industrial de Covas.
O director da Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), Francisco Menéndez, supervisou hoxe o arranque desta actuación, que consistirá na conversión da glorieta partida existente no acceso deste polígono industrial, no punto quilométrico 0+800 da AC-546, nunha glorieta completa de 31 metros de diámetro exterior.
Para iso, tal e como explicou Francisco Menéndez, pecharase o seu anel sobre a estrada e executaranse o resto de elementos necesarios para completar a glorieta.
Esta intervención contan cun orzamento autonómico de preto de 50.000 euros, tendo como obxectivo a Xunta ter rematadas as obras, que se iniciaban onte, nun prazo de tres semanas, incluída esta.
En concreto, os traballos que se levarán a cabo comprenden a demolición das semiglorietas actuais e o fresado no perímetro exterior da glorieta.
Na intervención disporase, tamén, de capa de aglomerado en todo o anel da glorieta, así como no entronque dos oito carrís das catro vías de acceso á glorieta, e executaranse illotes deflectores físicos.
As obras completaranse co pintado e a sinalización horizontal.
O director da AXI subliñou como está actuación, ao tempo que se responde á solicitude do Concello, persegue mellorar a mobilidade en todo este ámbito da parroquia de Santa María de Covas, ofrecendo aos seus veciños maior seguridade e comodidade nos seus desprazamentos ao mesmo tempo que contribúe a mellorar a competitividade da zona ao facilitar o tránsito cara ao polígono industrial de Covas.