A Xunta inicia as obras da nova senda entre A Ponte e Santa Cataliña, en Santa Comba, que suporán un investimento de 177.000 €

Santiago de Compostela, 16 de febreiro de 2023.- A Xunta vén de comezar as obras de construción da nova senda entre A Ponte e Santa Cataliña, no concello de Santa Comba, que suporán un investimento de 177.000 euros.

 

Este novo itinerario, que se habilitará ao longo de 450 metros da estrada AC-404, ten como obxectivo reforzar a seguridade viaria e favorecer a mobilidade a pé dos veciños.

 

Esta intervención, cun prazo de execución de 4 meses, vai permitir aos veciños facer os seus desprazamentos cotiáns de xeito máis cómodo, máis seguro e tamén máis saudable, evitando o uso do coche e facilitando camiñar.

 

Para acometer esta actuación, será necesario o corte dun carril, dándose tráfico alternativo polo outro.

 

Executarase esta senda pola marxe dereita da estrada, entre A Ponte e Santa Cataliña, co fin de mellorar o tránsito peonil ao unir as beirarrúas actuais, nos treitos anterior e posterior, coa nova senda que se vai habilitar, acadando un itinerario continuo que conecta os principais equipamentos.

 

Tamén se executará un muro de contención de máis dun metro de altura ao longo de 8,5 metros para salvar o desnivel no terreo e soster a senda sen afectar o rego das Dornas. Ademais, colocarase barreira metálica ao longo de 12,50 metros sobre o muro e completaranse os traballos coa reposición da sinalización necesaria.

 

A intervención conta con financiamento comunitario dos fondos REACT-EU, de resposta da Unión Europea fronte á pandemia da covid-19.

 

A actuación enmárcase na aposta da Xunta pola mobilidade sostible e saudable, que se traduce xa na execución de máis de 200 km de sendas en toda Galicia cun investimento de máis de 50 M€.