A Xunta inicia as obras das sendas das vendas e de Santa Baia, en Esgos e no Pereiro de Aguiar, que suporán un investimento de 1,1 M€

Santiago de Compostela, 7 de outubro de 2022

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de iniciar a execución das obras das sendas das Vendas e de Santa Baia, nos concellos de Esgos e do Pereiro de Aguiar, que suporán un investimento de máis de 1,1M€.

 

Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses, permitirán habilitar estes dous novos itinerarios pola marxe esquerda da vía autonómica OU-536 e sumarán algo máis de 3 km de lonxitude. O obxectivo é rematar estas obras na primavera.

 

Con esta nova actuación a Xunta ten como obxectivo reforzar a seguridade viaria dos usuarios vulnerables desta estrada, especialmente dos peóns, e o fomento dunha mobilidade sostible, máis respectuosa co medio.

 

A primeira senda, nas Vendas, iniciase no límite entre os municipios de Esgos e O Pereiro de Aguiar, no cruce de Ordelles, transcorrendo logo integramente por este concello de Esgos ata rematar no cruce de acceso á Cabalgada. Será un itinerario de preto de 1 km.

 

A outra senda, a de Santa Baia, discorrerá polo municipio veciño do Pereiro de Aguiar, nun treito de 2 km, desde a glorieta da OU-536, no punto quilométrico 8+800 ata, aproximadamente, o quilómetro 11 da estrada. Neste caso, hai un punto onde será necesario reducir os carrís, aos 3 metros de ancho, para encaixar o itinerario sen afectar a un muro que ten protección do patrimonio cultural.

 

As novas sendas terán ancho variable, cun mínimo de 2 metros, e pavimento de formigón coloreado, agás nun treito que será en cor natural para unha mellor integración.

 

Os itinerarios estarán separados da estrada por diferentes elementos: cuneta revestida e con perfil de seguridade; vexetación máis bordo; bordo, ou a combinación destes 3 elementos, para separar o tráfico rodado dos peóns, reforzando a seguridade.

 

Tamén se executarán cunetas de seguridade e traballos de drenaxe, reposición de servizos afectados, preinstalación de alumeado público, reposición de sinalización.

 

Na intervención obxecto dos traballos que se veñen de iniciar prevese, ademais, a instalación de 4 novas marquesiñas para garantir unha espera máis confortable aos veciños que se desprazan en transporte público.

 

No deseño destes itinerarios, o departamento de Infraestruturas da Xunta traballou para atopar o equilibrio necesario para a ampliación da estrada e o encaixe das novas sendas, minimizando a afección ás propiedades en treitos moi urbanizados, con moitas vivendas nas súas marxes, pero garantindo a súa funcionalidade.

 

Deste xeito, a Xunta atendeu as solicitudes trasladadas polos veciños durante a información pública, lográndose diminuír en máis dun 50% a superficie afectada, desde preto de 11.000 m² previstos inicialmente no proxecto aos 4.700 m² actuais. Para iso, deseñáronse as sendas reducindo o ancho nalgún treito para minimizar a afección á contorna, garantindo a súa funcionalidade cun ancho mínimo de 2 metros. 

 

Estes novos itinerarios están incluídos no Plan de sendas de Galicia para a comarca de Ourense, dotado dun investimento de 7,1 M€ para executar 16 km de sendas, e véñense sumar ás 2 sendas licitadas en xaneiro e marzo no concello de Ourense.

 

A intervención está financiada con fondos europeos FEDER do programa operativo 2014-2020.