A Xunta inicia as obras de 3 sendas nas estradas OU-105, OU-536 e na Avenida de Ponferrada, no Concello de Ourense, que suporán un investimento de 1,8 M€

Santiago de Compostela, 5 de xullo de 2022 A Xunta iniciou as obras de execución de tres sendas nas estradas OU-105, OU-536 e na avenida de Ponferrada, no concello de Ourense.

Esta actuación supón un investimento autonómico de 1,8 M€ e permitirá mellorar a mobilidade no municipio ourensá, con actuacións na Rabaza, en Ponte Sevilla e na avenida de Ponferrada.

Os traballos comezaron pola estrada OU-105, onde se executará unha senda de máis de 800 metros na zona de Ponte Sevilla, desde enfronte do concesionario próximo á glorieta ata o punto no que se atopa a parada de autobús máis próxima ao tanatorio.
 
No seu conxunto, a intervención implica a execución de máis de 3,5 quilómetros de sendas de uso compartido, peonil e ciclista, que terán ancho variable cun mínimo de 1,80 metros para garantir unha boa accesibilidade.
 

O obxectivo da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade é rematar as obras a finais deste mesmo ano ou a comezos do próximo, ao ter os traballos un prazo de execución de seis meses.

Máis concretamente, actuarase na marxe dereita da estrada autonómica OU-105, executando un itinerario de algo máis de 800 metros na zona de Ponte Sevilla, fronte ao concesionario situado xunto á glorieta e ata o punto onde se atopa a parada de bus próxima ao tanatorio.
Tamén se lle dará continuidade peonil ao treito de beirarrúa que existe na marxe dereita ao comezo da ruta, estendéndose ata o desvío do tanatorio As Burgas. O desvío ao tanatorio será o punto final da senda, que se prolongará nas obras que realiza a Xunta en Seixalbo, no marco da 2ª fase de mellora da seguridade cun investimento de case 1 M€.

Executarase, ademais, un novo itinerario de case 1,5 km na estrada que vai a Trives, na estrada OU-536, na Rabaza, pola marxe esquerda da vía. A senda partirá do paso de peóns no cruzamento co camiño de Souto Sanín, seguirá pola esquerda e desviarase polo terraplén cara á rúa B, continuando ata acadar a intersección coa OU-536 (no quilómetro 2+400).

A terceira das sendas realizarase na avenida de Ponferrada, tamén pola marxe esquerda. O itinerario desenvolverase ao longo de 1,1 km, desde a avenida de Buenos Aires ata a glorieta que hai no quilómetro 1+950 da estrada OU-536 na Rabaza.
 
As sendas irán separadas da vía por distintos elementos, en función das necesidades: gabia revestida e con peitoril de seguridade, franxa de vexetación, bordo prefabricado ou combinación destes elementos. Efectuaranse muros de sostemento en distintos puntos das 3 estradas nos treitos onde se executan os novos itinerarios.
 
Tamén se ampliará a plataforma da estrada OU-536, cunha estrutura en voadizo ancorada ao muro existente no quilómetro 1+765; melloraranse os sistemas de drenaxe; e deixarase disposta a preinstalación de canalizacións e servizos, ademais de sinalización e a colocación de varandas e sistemas de contención.
 
As actuacións están cofinanciadas con fondos europeos do programa operativo Feder Galicia 2014-2020.
 
O departamento que dirixe Ethel Vázquez continúa co seu compromiso de mellora da rede viaria autonómica para favorecer os desprazamentos a pé de modo máis seguro e sustentable.