Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de iniciar as obras de conservación da pasarela peonil sobre a estrada autonómica PO-324, en Coruxo, no concello de Vigo.
A intervención, cun investimento de preto de 50.000 euros, ten como obxectivo o mantemento da pasarela peonil situada no punto quilométrico 0+700 desta vía autonómica, para reforzar e mellorar a súa estrutura de formigón.
Os traballos comezaron pola retirada da vexetación que cubre parte da estrutura da pasarela e a limpeza con auga a presión da estrutura.
Unha vez acometidas estas tarefas iniciais, procederase ao chorreado do formigón, selaxe e inxección superficial das fisuras e gretas e reparación con morteiro tixotrópico.
Nesta intervención acometerase tamén a limpeza das armaduras e procederase á protección anticorrosión. Deste xeito, aplicarase sobre toda a superficie de formigón unha pintura de protección dos paramentos fronte á acción da carbonatación, os cloruros e a humidade.
Ademais, como parte deste traballos, aplicarase un tratamento con alta resistencia á corrosión sobre a varanda metálica que protexe lateralmente a pasarela.
A Xunta segue traballando a prol da conservación e mellora da rede viaria autonómica, á que vén destinando máis de 50 M€ cada ano, reforzando os programas de inspección e control, tanto das pontes e obras de paso, como a través de medidas como o Plan de reforzos de firme, para garantir as boas condicións nas vías de titularidade autonómica.