A Xunta inicia as obras de construción dunha glorieta elíptica na intersección da estrada PO-331 no alto de San Cosme, nos concellos de Vigo e de Mos

Santiago de Compostela, 8 de febreiro de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade comezou os traballos de construción dunha glorieta elíptica na intersección da estrada autonómica PO-331, no alto de San Cosme, nos concellos de Vigo e de Mos.

 

Esta actuación, que conta cun investimento da Xunta que rolda os 40.000 euros, céntrase nesta intersección situada no punto quilométrico 7+600, no que a PO-331 conflúe coas vías que conectan coa Universidade de Vigo, co núcleo de Erville e con outros importantes equipamentos da zona.

 

Na actualidade, esta intersección na PO-331 regúlase mediante unha glorieta partida. Co obxectivo de mellorar a seguridade viaria dos xiros neste punto, os traballos que se veñen de comezar adecuarán a intersección mediante a implantación dunha glorieta, que tamén contribuirá ao calmado de tráfico.

 

Deste xeito, para poder acoller de modo axeitado os diferentes viarios que converxen na vía autonómica, a glorieta adaptará a súa forma cunha planta elíptica.

 

Máis en detalle, as obras en execución céntranse na construción dunha glorieta de planta elíptica, de radio mínimo 12,50 metros, que disporá dun carril de 6 metros de ancho, con beiravía, tanto exterior como interior, de ata 1 metro de ancho.

 

A illa central da glorieta terá unhas dimensións de 15 metros de ancho e 30 metros de longo e contará cun gorxal de 2 metros de ancho, empedrado, de maneira que poida ser puntualmente remontable para os vehículos.

 

Para a execución da glorieta é necesario demoler previamente as isletas existentes, e tamén acondicionar parte da superficie demolida que ocupan as actuais isletas mediante a reposición do firme.

 

Tamén se adecuará á nova configuración da intersección a sinalización horizontal e vertical. Finalmente, procederase á colocación dos carteis de orientación necesarios para indicar os destinos na estrada PO-331.

 

Para executar estas obras é necesario intervir sobre a plataforma existente en toda a zona de actuación, o que poderá dar lugar a interrupcións temporais do tráfico ou á súa regulación mediante circulación alternativa.

 

A Xunta continúa coa mellora da seguridade viaria da estrada PO-331, con actuacións tan relevantes como a levada a cabo entre os puntos quilométricos 11+720 e 12+340, no polígono da Pasaxe e acceso á AG-57, na que se investiron máis de 350.000 € no ano 2020.