A Xunta inicia as obras de mellora da mobilidade peonil nas estradas PO-548 e PO-192 entre Bamio e Carril, en Vilagarcía de Arousa, nas que inviste case 330.000 €

Santiago de Compostela, 17 de novembro de 2024

A Xunta acaba de iniciar as obras de mellora da mobilidade peonil na intersección das estradas PO-548 e PO-192, entre Bamio e Carril, no concello de Vilagarcía de Arousa, nas que inviste un orzamento de case 330.000 € e contan cun prazo de execución estimado en 5 meses.

A intervención ten como obxectivo resolver a configuración da intersección entre estas dúas vías autonómicas para favorecer a seguridade e mobilidade peonil entre estes núcleos do municipio arousán e a conexión co cemiterio municipal situado na proximidade.

Habilitarase unha senda peonil segregada do tráfico rodado que unirá as parroquias de Bamio e Carril, conectando as beirarrúas existentes nos extremos. O percorrido aproveitará un treito antigo de estrada que se acondiciona como paseo peonil, completándose a senda pola beira da PO-192 e do viario municipal da gasolineira. Ademais de comunicar as parroquias de Bamio e Carril, darase acceso peonil ao cemiterio de Carril, considerado un foco de atracción de desprazamentos na zona.

En concreto, a senda terá o seu inicio onde finalizan as beirarrúas do Salgueiral e discorrerá en paralelo á PO-192 e ao viario municipal que dá acceso á gasolineira. O percorrido proseguirá polo viario municipal ata alcanzar o paso inferior que salva a variante de Carril (VG-4.7).

Unha vez pasada a estrutura, crúzase a calzada mediante outro paso de peóns sobreelevado, para dirixirse a un camiño que se acondicionará con formigón coloreado e ancho de 2 metros, protexéndose o desnivel cunha varanda metálica. A continuación, o percorrido discorrerá sobre a estrada antiga ata alcanzar a beirarrúa existente en Carril.

Para acceder ao cemiterio de Carril, a intervención prevé a execución dun paso de peóns regulado mediante un semáforo con pulsador, ademais de complementar as escaleiras actuais cunha rampla executada mediante unha pasarela de madeira.

Ademais, para garantir a seguridade dos peóns no tránsito pola senda, a intervención complétase coa inclusión de iluminación pública.

Cómpre sinalar que se prevé dar continuidade a esta senda cara a Carril nunha fase posterior, de modo que se estenda a mellora de accesibilidade que se está a executar. De feito, esta prolongación está incluída no proxecto de Mellora de accesibilidade e conectividade das paradas de autobús situadas na RAEG nas rutas de acceso polo norte á cidade de Pontevedra, que foi sometido a información pública o pasado 25 de outubro.