Santiago de Compostela, 3 de maio de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de comezar as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, no concello de Bueu, que suporán un investimento de 330.000 euros.
O obxectivo desta actuación é a construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude, que conectará as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo, entre os puntos quilométricos 2+150 e 2+750.
Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paradas de autobús con refuxios en ambos os laterais da vía, á altura do punto 2+500.
Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado.
Tamén se procederá á estabilización do noiro de desmonte existente na curva entre os puntos quilométricos 2+580 e 2+660. Actualmente o noiro ten unha pendente moi vertical e proxéctase a escavación necesaria para actuar nel e que sexa así máis estable.
As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.