Santiago de Compostela, 10 de abril de 2023 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade acaba de iniciar as obras para mellorar 32 paradas de autobús na estrada autonómica AC-552 nos concellos da Laracha, Arteixo e Carballo, que suporán un investimento autonómico de 1,3 M€.
Nas intervencións tamén se prevé a instalación de novas marquesiñas, ademais de actuacións complementarias de drenaxe, condución de servizos ou colocación de varandas para protexer aos usuarios aí onde poida haber desniveis.
No marco destas intervencións, en primeiro lugar, tense en conta a localización da parada e a súa localización óptima en tramos rectilíneos e con visibilidade, en treitos nos que a pendente da estrada sexa menor, próximas aos itinerarios accesibles e en zonas iluminadas.
Tamén se levará a cabo a mellora da accesibilidade para peóns, en xeral, e para persoas con mobilidade reducida, a través de medidas como a conexión das paradas cos itinerarios peonís, a execución de ramplas de acceso, información en braille ou pavimento podotáctil.
As obras inclúen medidas de seguridade, tamén con perspectiva de xénero, procedendo á eliminación de vexetación, á mellora da visibilidade e da iluminación ou á ampliación do espazo ao redor das paradas.